Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Voto presencial

As eleccións ao Parlamento Galego celebraranse o día 25 de setembro entre as nove horas e as vinte horas sen interrupción. A votación pode ser interrompida por causas de forza maior ou por irregularidades no material electoral. A dita interrupción non poderá durar máis de unha hora e deberase prolongar tanto tempo como fose interrompida.

Unha vez terminada a votación pecharanse as portas dos colexios electorais. No entanto, as persoas que queden dentro do colexio poderán votar (ademais dos membros das mesas, os/as interventores/as, que votan a continuación).

Para votar en persoa, o elector/a poderá levar se o desexa a papeleta co seu sobre xa preparado, ou ben seleccionar a papeleta de voto no propio colexio electoral e introducila no sobre. Necesariamente o colexio electoral ha de dispor de suficientes papeletas de todas as candidaturas nas cabinas ou ben nas súas proximidades. Para preservar o segredo do seu voto o electorado pode seleccionar a súa papeleta na cabina se así o desexa.

Os/as electores/as achegaranse á mesa dun nun, persoalmente e co seu voto xa preparado. Só en caso de incapacidade física poden ser acompañados por outra persoa da súa confianza para que os/as asista.

Unha vez que chegue á mesa, o/a elector/a manifestará o seu nome e apelidos ao/á presidente/a e acreditará a súa identidade, exhibindo o orixinal do documento nacional de identidade, pasaporte ou permiso de conducir, con fotografía. Estes documentos teñen validez para este efecto, mesmo se estivesen caducados, sempre que permitan identificar ao/á votante sen dúbidas. En caso de xurdir algunha dúbida sobre a identidade do/a elector/a, a mesa decidirá se a acepta ou non por maioría dos seus membros.

Identificado o/a elector/a, os membros da mesa comprobarán a súa inscrición no censo (en caso de non aparecer inscrito, soamente poderá votar en caso de presentar sentenza xudicial ou unha certificación censal específica de alta), e comprobarán que non votou xa, nin solicitou o voto por correo. Unha vez feitas estas comprobacións, o/a elector/a entregaralle da súa propia man ao/á presidente/a o sobre de votación pechado. O/a presidente/a, sen ocultar o sobre á vista do público, dirá en voz alta o nome do/a elector/a e, engadindo "Vota", entregará o sobre ao/á elector/a quen o depositará na urna.

Os/as vogais e, se é o caso, os/as interventores/as que o desexen, anotarán, cada un nunha lista numerada, o nome e os apelidos dos votantes na orde en que emitan os seus votos, e expresarán o número co que figuran na lista do Censo electoral ou, se é o caso, a entrega de certificación censal específica. Doutra banda, o/a elector/a poderá examinar se foron ben anotados o seu nome e apelidos na lista de votantes que forme a mesa.