Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Dereitos do electorado

  1. O voto constitúe un dereito e é libre. Ninguén pode ser obrigado nin condicionado a votar nun determinado sentido. Para o exercicio do dereito de voto nas eleccións ao Parlamento de Galicia é necesario posuír a condición de galego ou galega, ser maior de idade, figurar no Censo electoral de Galicia e gozar do dereito de sufraxio activo.
  2. O dereito de sufraxio pertence aos maiores de idade que ostenten a condición de galegos/as e non estean comprometidos en ningún dos supostos previstos na Lei orgánica do réxime electoral xeral sobre a privación do dereito de sufraxio.
  3. O voto é secreto e persoal, prohibíndose o voto por delegación a unha persoa.
  4. Toda persoa maior de idade residente nalgún municipio de Galicia, ten dereito a figurar no Censo electoral, para poder votar nas Eleccións ao Parlamento de Galicia. Para ese efecto, poderá comprobar a súa inscrición no censo exposto no seu concello entre os días 8 ao 15 de agosto podendo en caso negativo, reclamar a súa inscrición censal no concello.
  5. Teñen dereito a votar aquelas persoas electoras que, aínda non figurando no censo da mesa, acrediten a súa inscrición mediante presentación á Presidencia da mesa de sentenza xudicial ou certificación censal específica de alta no censo expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.
  6. Toda persoa electora que queira votar persoalmente ten dereito a usar a cabina electoral da mesa que lle permita illarse para seleccionar o seu voto.
  7. As persoas electoras que non soubesen ler ou que, por limitación física, non puidesen elixir a papeleta ou entregala á Presidencia da mesa, poderán servirse dunha persoa de confianza para votar persoalmente ou ben exercer o voto Braille.
  8. Todo elector ou electora que votou persoalmente, ten dereito a examinar se foi anotado correctamente o seu nome e apelidos na lista numerada de votantes que elabora a mesa electoral.
  9. As persoas electoras teñen dereito a presentar ante a mesa electoral protestas ou reclamacións, só referidas ás dúbidas sobre a identidade doutro elector/a ou da súa propia e sobre a negativa da mesa ao exercicio do dereito ao voto do/a votante.
  10. As persoas electoras que prevexan que na data da votación (o día 25 de setembro) non se acharán na localidade onde lles corresponda exercer o seu voto, se atopasen enfermas ou con incapacidade física para acudir a votar persoalmente, teñen dereito a votar por correo.
  11. As persoas electoras galegas residentes, que viven permanentemente no estranxeiro e que figuren no Censo electoral de residentes ausentes no estranxeiro, teñen dereito a votar no estranxeiro.
  12. As persoas electoras residentes temporalmente no estranxeiro, que figuran inscritas no Censo electoral de Galicia, teñen dereito a votar por correo desde o estranxeiro.
  13. Os electores ou electoras cuxa xornada laboral coincida co horario de votación das Eleccións ao Parlamento de Galicia, teñen dereito a un permiso retribuído dun máximo de catro horas. Para ese efecto, o electorado pode pedir, á Presidencia da mesa, o certificado que acredita a realización do voto.
  14. Todos/as os/as electores/as poderán asistir ao escrutinio público dos votos de cada mesa que levará a cabo a partir das 20:00 horas do día 25 de setembro.