Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Voto por correo residentes en España

A Xunta Electoral Central ampliou o prazo para o depósito do voto por correspondencia dos electores residentes en España, ata o 22 de setembro, nos horarios establecidos nas oficinas de correos. Máis información aquí.

Electores

A lexislación electoral prevé o voto por correo para aqueles/as electores/as que na data da votación teñan prevista a súa ausencia da localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto. Á súa vez tamén poden votar por correo quen, por enfermidade ou incapacidade física, non puidesen presentarse no lugar da votación. Para isto só é necesario que o solicite no momento oportuno e despois envíe o seu voto dentro do prazo, nas condicións e coa documentación que se lle facilita.

Unha vez feita a solicitude do voto por correo non se poderá votar persoalmente.

 

Procedemento

  • Encher unha solicitude de voto por correo:

A solicitude débese formular persoalmente polas electoras ou electores interesados, que deberán cumprimentar e asinar o impreso de solicitude do voto por correo que se atopa en todas as oficinas de Correos de España.  Tamén, pode vostede descargar o formulario aquí e pode enchelo para a súa entrega en calquera Oficina de Correos.

  • Lugar de presentación:

A solicitude enchida e asinada deberá ser presentada persoalmente en calquera Oficina de Correos. O persoal funcionario de Correos encargado de recibila esixirá á persoa interesada a exhibición do seu documento acreditativo da identidade e comprobará a coincidencia da firma. En ningún caso se admitirá fotocopia deste.

  • Prazo para solicitar o voto por correo:

Pódese solicitar o voto por correo desde o 2 de agosto ao 15 de setembro, ambos inclusive.

No entanto, se vostede pensa exercer o dereito ao voto por correo non espere a última hora. Formule a solicitude canto antes.

  • Realización do voto por correo:

A Delegación da Oficina do Censo Electoral correspondente, enviará por correo certificado, entre os días 5 ao 18 de setembro, ao domicilio indicado por vostede na solicitude do voto por correo coa documentación necesaria para exercer o voto:

    • Papeletas e sobres de votación.
    • O certificado de inscrición no censo.
    • Un sobre no que figurará a dirección da mesa onde lle correspondería votar.
    • Una folla explicativa.
  • Envío do voto por correo:

Recollida persoalmente esta documentación, o elector/a deberá escoller ou, no seu caso, encher a papeleta de voto, introducila no sobre de votación e pechalo. O dito sobre ou sobres de votación introduciranse no sobre dirixido á mesa xunto co certificado do censo e remitirao por correo certificado en todo caso ata o 21 de setembro. Este sobre non necesita franqueo 

O Servizo de Correos conservará até o día da votación toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais e trasladaraa ás devanditas mesas ás nove da mañá. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse no devandito día, até as vinte horas deste. O Servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará a disposición das Xuntas Electorais. Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á xunta electoral de zona.