Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Desenvolvemento da xornada electoral

O presidente, os dous vogais de cada mesa electoral e os respectivos suplentes, se os houbese, reúnense ás 08:00 horas do día fixado para a votación no local correspondente.

Se o presidente non acudiu, substitúeo o seu primeiro suplente. En caso de faltar tamén este, substitúeo un segundo suplente, e se este tampouco acudiu, toma posesión como presidente o primeiro vogal, ou o segundo vogal, por esta orde. Os vogais que non acudiron ou que toman posesión como presidente son substituídos polos seus suplentes.

Non pode constituírse a mesa sen a presenza dun presidente e dous vogais.

Cada mesa debe contar cunha urna e cunha cabina de votación. Así mesmo, debe dispor dun número suficiente de sobres e de papeletas de cada candidatura, que estarán situados na cabina ou preto dela.

Ás 8:30 horas, o presidente estende a acta de constitución da mesa, asinada por el mesmo, os vogais e os interventores e entrega unha copia da devandita acta ao representante da candidatura, apoderado ou interventor que o reclame.

Ás 9:00 horas ábrese o colexio electoral e o/a presidente/a da mesa anuncia o comezo da votación coas seguintes palabras: "empeza a votación".

Durante a xornada electoral a mesa debe contar coa presenza de, polo menos, dous membros.

Durante a xornada electoral o/a presidente/a debe facer gardar a orde no local electoral.

A votación pode suspenderse ou interromperse nos seguintes casos:

  •   Interrupción

Cando o/a presidente/a advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura e non poida suplila mediante papeletas subministradas polos apoderados/as ou interventores/as da correspondente candidatura.

A interrupción non pode durar máis de unha hora e a votación prorrogarase tanto tempo como estivese interrompida.

  •    Suspensión

A suspensión da votación prodúcese ben por interrupción superior a unha hora, ou ben por causa de forza maior que faga imposible o acto da votación.

A suspensión da votación será responsabilidade do/a presidente/a da mesa. É conveniente que antes de adoptar esta decisión, o/a presidente/a recolla o parecer de todos os membros da mesa e, se as circunstancias o permiten, consulte por teléfono á xunta electoral de zona.

No caso de suspensión da votación, non se teñen en conta os votos emitidos na mesa, nin se realiza o seu escrutinio. O/a presidente/a ordena inmediatamente a destrución das papeletas depositadas na urna e fai constar este aspecto no escrito antes mencionado.

Suspendida a votación nunha mesa electoral, a xunta electoral de zona convocará novas eleccións na mesa dentro dos dous días seguintes

 

EMISIÓN DO VOTO

1) OS/AS ELECTORES/AS ACHÉGANSE Á MESA DUN/UNHA NUN/UNHA, despois de pasar, se así o desexan, pola cabina de votación.

 2) O/A ELECTOR/A MANIFESTARÁ O SEU NOME E OS SEUS APELIDOS ao/á presidente/a.

 3) COMPROBAR A IDENTIDADE DO/A ELECTOR/A: Os/as vogais e os/as interventores/as comprobarán a identidade do/a elector/a. Para iso, o/a elector/a deberá presentar algún dos seguintes documentos:

  • Documento nacional de identidade (DNI). Non serve o resgardo do DNI en trámite, posto que non aparece a fotografía do/a elector/a.
  • Pasaporte (con fotografía).
  • Permiso (carné) de conducir (con fotografía).

ACEPTARASE A PRESENTACIÓN DESTES DOCUMENTOS AÍNDA QUE ESTEAN CADUCADOS, PERO HAN DE SER OS ORIXINAIS, NON SE ACEPTARÁN FOTOCOPIAS.

Se, a pesar de mostrar estes documentos, aparecen dúbidas sobre a identidade do /a elector/a, a mesa, tendo en conta os documentos adxuntos e o testemuño que poidan presentar os/as electores/as presentes, decidirá por maioría. Estas circunstancias deben anotarse na acta de sesión

4) COMPROBAR QUE O/A ELECTOR/A ESTÁ INSCRITO/A NA LISTA DO CENSO ELECTORAL.Os/as vogais e interventores/as comprobarán que o/a elector/a figura inscrito/a na lista do Censo electoral

Na lista do Censo electoral figuran inscritos/as os/as electores/as que poidan votar na mesa. Esta lista debe estar entre a documentación facilitada á mesa.

SE O/A ELECTOR/A NON FIGURA NA LISTA DO CENSO, só poderá votar na mesa se presenta algún destes documentos:

A. SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do/a votante a estar inscrito no censo da mesa.

B. CERTIFICACIÓN CENSAL, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral que habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto. As certificacións censais poden ser de dous tipos:

1. De alta no censo: refírese a cidadáns/ás que están inscritos no Censo electoral pero que non figuran na lista certificada enviada á mesa.

2. De corrección de erros materiais: teñen por finalidade corrixir algún dos datos (nome, enderezo, etc.) dos/as votantes que están incluídos/as na lista certificada do censo enviado á mesa.

ADEMAIS, DEBE TERSE EN CONTA:

NON PODEN VOTAR PERSOALMENTE NA MESA, aínda que estean incluídos/as no seu censo:

  • As persoas que solicitasen emitir o voto por correo, ben sexa desde España ou ben se trate dos/as españois/as que se atopen temporalmente no estranxeiro e solicitasen votar de acordo co procedemento previsto no Real decreto que regula un procedemento de votación para os/as cidadáns/ás españois/as que se atopen temporalmente no estranxeiro. (Unha letra "C" aparecerá á beira do seu nome na lista do censo, ou o/a elector/a estará incluído nunha "relación de electores/as de mesa que solicitaron o voto por correo", que figura como apéndice á lista do censo).
  • Os/as interventores/as acreditados/as ante unha mesa correspondente a outra circunscrición (entre a documentación electoral figurará unha copia da súa acreditación ante a outra mesa). Neste suposto deberán ter exercitado o seu dereito de voto por correo, destinado á mesa na que se atopen inscritos no censo.

NON PODEN VOTAR PERSOALMENTE NA MESA, ao non estar incluídos/as no seu censo:

  • Os/as interventores/as acreditados/as ante a mesa pero inscritos no censo doutra circunscrición (entre a documentación electoral figurará unha copia da súa acreditación ante a outra mesa). Neste suposto deberán ter exercitado o seu dereito ao voto por correo destinado á mesa en cuxo censo se atopen inscritos.

PODEN VOTAR NA MESA, aínda que non estean incluídos/as no seu censo:

  • Os/as interventores/as acreditados/as ante a mesa, sempre que estean inscritos na circunscrición correspondente a esa mesa e non exercitasen o voto por correo na mesa en cuxo censo estivesen inscritos.

5) RECIBIR O SOBRE DE VOTACIÓN. O voto é secreto. O/a elector/a entregará pola súa propia man ao/á presidente/a o sobre pechado.

Os/as electores/as que non saiban ler, ou que por discapacidade, non poidan elixir a papeleta, colocala dentro do sobre, ou entregala ao/á presidente/a da mesa, poden pedir axuda dunha persoa da súa confianza.

 6) INTRODUCIR O SOBRE NA URNA.A continuación, o/a presidente/a fará o seguinte

a) Non debe ocultar en ningún momento o sobre á vista do público.

b) ) Dirá en voz alta o nome do/a elector/a, e engadirá "Vota".

c) Entregará o sobre ao/á elector/a quen o depositará na urna.

LEMBRE QUE ANTES DE INTRODUCIR O SOBRE na urna débese comprobar a identidade do/a elector/a e a súa inscrición no censo.

O sobre de votación debe ser introducido na urna polo/a elector/a.


7) ANOTAR O/A ELECTOR/A NA LISTA NUMERADA DE VOTANTES.

Os/as vogais e, no seu caso, os/as interventores/as que o desexen, anotarán na lista numerada de votantes o nome e apelidos dos/as electores/as pola orde en que emitisen o seu voto.

Ademais, indicarán o número co que figuran na lista do censo electoral ou, no seu caso, que achegaran unha certificación censal específica.

O/a elector/a ten dereito a examinar se foron ben anotados o seu nome e apelidos na lista numerada de votantes.

VOTACIÓN DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE VISUAL COÑECEDORAS DO SISTEMA BRAILLE, que utilicen o procedemento de voto accesible regulado regulamentariamente.

O/a presidente/a da mesa electoral, ou, no seu caso, algún dos/as vogais, entregará ao/á elector/a con discapacidade visual que comunicase a súa intención de utilizar o procedemento de votación previsto no real decreto que regula un procedemento de voto accesible, a documentación que integra este procedemento de votación, previa comprobación, mediante a exhibición do DNI, da súa inclusión na listaxe das persoas que comunicaron a intención de utilizar o devandito procedemento, listaxe que obra en poder da mesa electoral.

Na documentación entregada, o/a elector/a atopará unhas instrucións explicativas sobre a utilización desta, impresas en sistema braille.

Así mesmo, o/a presidente/a da mesa electoral ou, no seu caso, algún dos/as vogais, indicaralle e facilitaralle o acceso ao espazo do colexio electoral habilitado para o manexo da documentación entregada.

Unha vez seleccionada a súa opción de voto, seguirase o mesmo procedemento de votación descrito para a totalidade dos electores.

Ademais do procedemento de voto accesible que facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio, estas persoas poden seguir acudindo á posibilidade de asistencia dunha persoa da súa confianza para poder exercer o seu dereito de voto.

 

FINALIZACIÓN DA VOTACIÓN

Ás 20:00 horas o/a presidente/a anunciará en voz alta que vai concluír a votación.

Se a votación se tivese que interromper nalgún momento por falta de papeletas dalgunha candidatura, o horario debe prorrogarse durante tanto tempo como durase a interrupción.

Se, despois de anunciarse o final da votación, quedasen no local electoral ou no seu acceso electores/as que aínda non votasen, o/a presidente/a deixaraos votar e non permitirá que vote ninguén máis.

Logo de que votase o/a último/a elector/a presente no local, o/a presidente/a debe introducir na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto remitidas por correo.

Para iso han de seguirse os seguintes pasos:

1) Abrir dun nun os sobres remitidos ao/á presidente/a da mesa que conteñen o sobre do voto por correo e comprobar que contén o certificado de inscrición no censo do/a elector/a.

Se falta o certificado de inscrición no censo debe destruírse o sobre e toda a documentación que contén, xa que non poden considerarse como voto válido, nulo ou en branco ao non poder contabilizarse o/a votante. O sobre que contén a papeleta non debe abrirse.

2) Comprobar que o/a elector/a está inscrito/a no censo da mesa.

3) Introducir na urna o sobre da votación.

4) Anotar o/a elector/a na lista numerada de votantes. Os/as vogais anotarán o nome do/a elector/a na lista numerada de votantes.

A continuación, poderán votar os membros de mesa e os/as interventores/as que estean inscritos no censo da circunscrición correspondente á mesa, e especificarase na lista numerada de votantes a sección e mesa electoral daqueles/as interventores/as que non figuren no censo da mesa.

LEMBRE QUE esta anotación resulta necesaria para poder cubrir debidamente a acta de sesión.

Tanto os/as electores/as que votasen por correo como os membros da mesa e os/as interventores/as que voten, deberán ser incluídos na lista numerada de votantes.

Logo de acabar estas operacións, os/as vogais e interventores/as asinarán a lista numerada de votantes.

A firma debe pórse nos seguintes lugares da lista:

  • Na marxe de cada unha das follas e tamén,
  • inmediatamente debaixo do último nome.