Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Formación das mesas electorais

  • A mesa electoral forma parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas Electorais.

    Está composta por tres cidadáns – un presidente ou presidenta de mesa e dous vogais que sexan menores de setenta anos e saiban ler e escribir.

    Os membros da mesa serán elixidos por sorteo entre as persoas censadas na mesa.

    O presidente ou presidenta debe ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou subsidiariamente o de Graduado Escolar ou equivalente.

     

  • A selección dos membros das mesas corresponde aos concellos en acto público que debe celebrarse entre os días 25º e 29º posteriores á convocatoria (neste caso, entre os días 27 e 31 de agosto, ambos inclusive).

    Os/as presidentes/as e vogais das mesas electorais selecciónanse por sorteo público entre os/as electores/as da sección que sexan menores de setenta anos e que saiban ler e escribir. Aínda que a partir do sesenta e cinco anos poderán manifestar a súa renuncia no prazo de sete días. O presidente deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao, ou subsidiariamente o de Graduado Escolar ou equivalente.

     

  • Os cargos de presidente ou presidenta e vogais das mesas electorais son obrigatorios, non poden ser desempeñados por quen se presenten como candidatos.

    O presidente ou presidenta, os vogais e suplentes que non acudan a desempeñar as súas funcións incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.

    A designación como presidentes e vogais das mesas debe ser notificada aos interesados entre o 28 de agosto e o 3 de setembro (3 días desde o sorteo). Coa notificación entregarase un Manual de Instrucións para os membros das mesas electorais.
    Os que fosen designados presidentes e vogais das mesas, dispoñen dun prazo de sete días para alegar ante a xunta electoral de zona causa xustificada e documentada que lles impida a aceptación do cargo. A Xunta resolve sen ulterior recurso no prazo de cinco días e comunica, no seu caso, a substitución producida ao primeiro suplente.

    Se posteriormente, calquera dos designados estivese en imposibilidade de acudir ao desempeño do seu cargo, debe comunicalo á xunta electoral de zona, polo menos 72 horas antes do día das eleccións, achegando as xustificacións pertinentes.

    Se o impedimento sobrevén despois dese prazo, o aviso á Xunta haberá de realizarse de maneira inmediata e, en todo caso, antes da hora de constitución da mesa. En tales casos, a Xunta comunica a substitución ao correspondente suplente, se hai tempo para facelo, e procede a nomear a outro, se fose preciso.

     

  • O presidente ou presidenta, os dous vogais de cada mesa electoral e os respectivos suplentes, se os houbese, reúnense ás oito horas do día 25 de setembro no local correspondente.

    Se o presidente ou presidenta non acudiu, substitúeo o seu primeiro suplente. En caso de faltar tamén este, substitúeo un segundo suplente, e se este tampouco acudiu, toma posesión como presidente ou presidenta o primeiro vogal, ou o segundo vogal, por esta orde. Os vogais que non acudiron ou que toman posesión como presidentes son substituídos polos seus suplentes.

    Non pode constituírse a mesa sen a presenza dun presidente ou presidenta e dous vogais. No caso de que non poida cumprirse este requisito, os membros da mesa presentes, os suplentes que acudisen ou, na súa falta a autoridade gobernativa, estenden e subscriben unha declaración dos feitos acaecidos e envíana por correo certificado á xunta electoral de zona, a quen comunican tamén estas circunstancias telegráfica ou telefonicamente.

    A Xunta, en tal caso, designa libremente as persoas que haberán de constituír a mesa electoral, podendo mesmo ordenar que forme parte dela algún dos electores que se atope presente no local. En todo caso, a Xunta informa o Ministerio Fiscal do sucedido para o esclarecemento da posible responsabilidade penal dos membros da mesa ou dos seus suplentes que non compareceron.

    Se a pesar do establecido no parágrafo anterior non puidese constituírse a mesa unha hora despois da legalmente establecida para o inicio da votación, as persoas designadas no parágrafo terceiro deste artigo comunicarán esta circunstancia á xunta electoral de zona, que convocará para nova votación na mesa, dentro dos dous días seguintes. Unha copia da convocatoria fixarase inmediatamente na porta do local electoral e a Xunta procederá de oficio ao nomeamento dos membros da nova mesa.