Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Presentación de candidaturas

  • ¿Que se require para poder presentar unha candidatura nas eleccións ao Parlamento de Galicia?

    Poden presentar candidaturas nas eleccións ao Parlamento de Galicia:

    • Os partidos e federacións inscritos no rexistro correspondente.
    • As coalicións constituídas segundo o disposto no apartado seguinte.
    • As agrupacións formadas por electores dunha provincia que reúnan as firmas de, polo menos, o 1 % dos inscritos no Censo electoral da dita provincia.

    Os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorrer conxuntamente a unha elección deben comunicalo á Xunta competente, nos dez días seguintes á convocatoria. Na referida comunicación débese facer constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección ou coordinación.

    Ningún partido, federación, coalición ou agrupación de electores pode presentar máis dunha lista de candidatos nunha circunscrición para a mesma elección. Os partidos federais ou coaligados non poden presentar candidaturas propias nunha circunscrición se nesta concorre, para idéntica elección, candidatos das federacións ou coalicións ás que pertencen.

    En todo caso, os partidos políticos, as federacións ou coalicións de partidos, e as agrupacións de electores non poderán presentar candidaturas que, de feito, veñan continuar ou suceder a actividade dun partido político declarado xudicialmente ilegal e disolto, ou suspendido. Para estes efectos, terase en conta a similitude substancial das súas estruturas, organización e funcionamento, das persoas que os compoñen, rexen, representan, administran ou integran cada unha das candidaturas, da procedencia dos medios de financiamento ou materiais, ou de calquera outras circunstancias relevantes que, como a súa disposición a apoiar a violencia ou o terrorismo, permitan considerar a dita continuidade ou sucesión.