Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Obrigacións do electorado

  1. As persoas electoras só poderán votar unha vez . A votación realizarase na mesa electoral que corresponda.
  2. Os/as electores/as, para votar persoalmente nunha mesa, deberán identificarse ante a Presidencia da mesa, achegando algún dos documentos oficiais seguintes: DNI, pasaporte ou permiso de condución coa fotografía do titular, aínda que estean caducados (non valen fotocopias nin o resgardo de renovación do DNI). Se a pesar de mostrar estes documentos, aparecen dúbidas sobre a identidade do/a elector/a, a mesa, tendo en conta os documentos achegados e o testemuño que poidan presentar os/as electores/as presentes, decidirán por maioría dos seus membros.

    A continuación, os/as vogais e interventores/as comprobarán que o/a elector/a figura inscrito/a na lista do Censo electoral.

    Se o/a elector/a non figura na lista do censo, só poderá votar na mesa se presenta algún destes documentos:

    SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do/a votante a estar inscrito/a no censo da mesa.

    - CERTIFICACIÓN CENSAL ESPECÍFICA DE ALTA, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral que o habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto. Unha certificación censal é un medio polo que un/unha cidadán/á pode acreditar a súa inscrición no Censo electoral vixente, nos exemplares certificados das listas do censo postos a disposición das mesas electorais. As certificacións censais poden ser de dous tipos:

    • De alta no censo: refírese á cidadanía inscrita no Censo electoral pero que non figura na lista certificada enviada á mesa.
    • De corrección de erros materiais: ten por finalidade corrixir algún dos datos (nome, enderezo, etc.) dos/as votantes que estean incluídos/as na lista certificada do censo enviada á mesa.

    As certificacións censais específicas poderán ser solicitadas persoalmente polo/a elector/a na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, até o mesmo día da votación e antes da hora de peche dos colexios electorais. Poden ser solicitadas por fax, a través do concello, e remitidas aos/as interesados/as por este mesmo medio. Será válido para a votación tanto o orixinal da certificación censal específica como a recibida por fax a través do concello respectivo.

    Os/as electores/as coñecerán o colexio electoral e a mesa na que lles corresponde votar, a través de dous medios: 

    • Mediante a páxina web da Oficina do Censo Electoral.
    • Mediante os cartóns censais que esta remite aos/ás electores/as.
  3. As persoas electoras que solicitasen votar por correo, non poderán en ningún caso votar persoalmente na súa mesa electoral.
  4. Ningún elector/a poderá entrar no local da mesa con armas ou instrumentos susceptibles de ser usados como tales.
  5. Durante o día da votación, nos locais ou colexios electorais non poderán formarse grupos susceptibles de entorpecer o acceso aos locais das mesas electorais ou de dificultar o exercicio do voto.
  6. Durante o día da votación, nin nos locais ou colexios electorais, nin nos locais das mesas electorais, nin nas inmediacións destas poderá realizarse propaganda de ningún xénero a favor das candidaturas.