Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

O Escrutinio

O escrutinio de resultados realízase da seguinte forma:

1) EXTRAER O SOBRE DA URNA ABERTA E LER A PAPELETA

Logo de abrir a urna, o/a presidente/a sacará, un a un, os sobres da urna, abriraos e lerá en voz alta o nome da candidatura votada.

Os sobres abertos hanse de conservar para o seu reconto posterior.

Ao examinar os sobres e as papeletas, ademais de votos válidos a candidaturas, poderán atoparse casos de:

  • votos en branco
  • votos nulos

Estas dúas categorías han de terse en conta para os efectos de reconto e determinación do resultado da votación.

Son VOTOS EN BRANCO:

  • os sobres que non conteñan papeletas

Son VOTOS NULOS:

  • os que se emiten en sobres ou papeletas diferentes do modelo oficial,
  • as papeletas sen sobre,
  • os sobres que conteñan máis dunha papeleta de distintas candidaturas (se se inclúen varias papeletas da mesma candidatura cóntase como un só voto válido),
  • os que se emiten en sobres alterados,
  • os emitidos en papeletas nas que se modificou, engadiu ou tachou nomes de candidatos comprendidos nelas ou alterou a súa orde de colocación, así como aquelas nas que se introduciu calquera lenda ou expresión, ou produciu calquera outra alteración de carácter voluntario ou intencionado. No entanto NON SERÁN VOTOS NULOS aqueles votos emitidos en papeletas que conteñan un sinal, cruz ou aspa á beira dalgún dos membros da candidatura, sempre que as ditas marcas non teñan transcendencia ou entidade suficiente para alterar a configuración da papeleta ou para manifestar reproche ningún dos membros da candidatura ou da formación política á que pertenzan (Instrución Xunta Electoral Central, 1/2012, de 15 de marzo, e Sentenza Tribunal Constitucional 123/2011, de 14 de xullo).

2) ENSINAR A PAPELETA AOS/ÁS VOGAIS, INTERVENTORES/AS E APODERADOS/AS

O/a presidente/a mostrará cada papeleta, unha vez lida, aos/ás vogais, interventores/as e apoderados/as.

Se algún notario/a, candidato/a ou representante de candidatura, presente no acto de escrutinio, tivese dúbidas sobre o contido dunha papeleta, poderá pedila para o seu exame ante os membros da mesa.

 3) COMPROBAR QUE O NÚMERO DE SOBRES COINCIDE CO DE VOTANTES ANOTADOS/AS NA LISTA NUMERADA DE VOTANTES

Terminado o escrutinio ha de comprobarse que o número de sobres extraídos da urna coincide co de electores/as que votasen (anotados na lista numerada de votantes).

A lista numerada de votantes incluirá os/as votantes que achegasen a certificación específica de alta no censo da mesa. Estas persoas en principio, non estaban incluídas na lista do censo que manexa a mesa pero votarían tamén na mesa ao achegar a citada certificación específica de alta.

 4) RESOLVER AS RECLAMACIÓNS E PROTESTAS CONTRA O ESCRUTINIO

O/a presidente/a preguntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio. Se se presenta algunha protesta ou reclamación contra o escrutinio, resolveraa a mesa por maioría dos seus membros.

 5) DESTRUÍR AS PAPELETAS DE VOTACIÓN

As papeletas destruiranse en presenza dos/as asistentes.

No entanto, NON DEBEN DESTRUÍRSE as seguintes papeletas:

  • aquelas ás que se lle negase validez: VOTOS NULOS,
  • aquelas que fosen obxecto dalgunha reclamación.

Coas papeletas que non se destrúen debe facerse o seguinte:

  • os membros da mesa porán a súa firma nelas,
  • uniranse á acta de sesión (unha vez que se redacte, ao finalizar o escrutinio) e
  • incluiranse no sobre núm. 1.