Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Voto accesible

Electores

Aquelas persoas con discapacidade visual que coñezan o sistema de lecto-escritura Braille e que teñan recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33% ou sexan afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).

A utilización deste procedemento é voluntaria, polo que aquelas persoas que o desexen poderán seguir sendo asistidas por unha persoa da súa confianza, tal e como prevé a Lei orgánica do réxime electoral xeral.

 

Procedemento

O procedemento de voto accesible para as persoas con discapacidade visual consiste na utilización de papeletas normalizadas, xunto cunha documentación específica en sistema Braille que se atopará baixo a custodia do presidente da mesa electoral na que lle corresponde exercer o dereito de voto.

Os/as interesados/as deben comunicalo mediante comunicación expresa á Xunta de Galicia nun prazo de 27 días que se contarán a partir da data da convocatoria, para este proceso será entre os días 2 de agosto e 29 de agosto, a través do teléfono 900 820 916 en horario de 9:00 a 20:00 horas de luns a domingo.

Os/as electores/as deben indicar na súa comunicación: nome, apelidos, domicilio, documento nacional de identidade e número de teléfono de contacto. Ademais, deben manifestar o coñecemento do sistema de lecto-escritura Braille e que teñen recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33%, ou ser afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois. A Administración poderá requirir en calquera momento a verificación destes datos. Realizada a comunicación, o/a elector/a con discapacidade visual recibirá unha confirmación que o a habilitará para recoller a documentación na correspondente mesa electoral.

A documentación necesaria para este procedemento será a seguinte:

  • Instrucións explicativas sobre a utilización da documentación, impresos en sistema Braille.
  • Sobre de votación normalizado.
  • Sobre por cada unha das candidaturas coa indicación desta en tinta e en sistema Braille.
  • Dentro dos sobres, o/a elector/a atopará a papeleta de votación normalizada correspondente á candidatura indicada no exterior.

O día da votación, o/a presidente/a da mesa ou, no seu caso, algún dos vogais, fará entrega da documentación que integra o procedemento de voto accesible e indicará o espazo do colexio electoral habilitado para a súa manipulación.

Unha vez identificada a opción de voto e introducida a papeleta no sobre de votación, o/a elector/a dirixirase de novo á mesa electoral e fará entrega do seu voto ao/á presidente/a para a súa introdución na urna electoral.