Apoderados e interventores
- ¿Que é un apoderado?
Os representantes de cada candidatura poden outorgar poder a favor de calquera cidadán, maior de idade e que se ache en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos, ao obxecto de que ostente a representación da candidatura nos actos e operacións electorais. Trátase do apoderado.
Os apoderados poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio en calquera mesa, formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.
Os apoderados, se non hai interventores da súa candidatura, poden actuar como tales ante a mesa, participando nas súas deliberacións con voz e sen voto.
Os apoderados deben identificarse como tales exhibindo as súas credenciais e o seu documento nacional de identidade aos membros da mesa.
Os apoderados non votan na mesa se non figuran no censo desta. - ¿Que fai un interventor?
O representante de cada candidatura pode nomear, até tres días antes da elección, dous interventores por cada mesa electoral, mediante a expedición de credenciais talonarias, coa data e firma ao pé do nomeamento.
Estes interventores poden asistir á mesa e participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto. A estes efectos, os interventores de cada candidatura acreditados ante a mesa poden substituírse entre si.
Desempeñan a súa función só na mesa ante a que están acreditados.
Poden formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.
Votan na mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no Censo electoral desta, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa mesa. En caso contrario, só poderán votar por correo na mesa en cuxo censo figuren inscritos.