Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Voto do persoal vinculado á defensa

Electores

Persoal embarcado en buques da armada ou que, por pertencer a unidades militares terrestres ou aéreas, se atope destacado fóra do territorio nacional, en situacións vinculadas coa defensa nacional, e que participe ou coopere coas forzas dos países aliados e de organizacións internacionais, en misións de asistencia humanitaria ou mantemento da paz internacional, que se atopen nesa situación desde a data de convocatoria das eleccións até a súa celebración.

 

Procedemento

O/a comandante do buque ou o/a xefe/a da unidade remitiralle a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio ao director/a xeral de persoal do Ministerio de Defensa. Este tramita as solicitudes de certificado de inscrición no Censo electoral a partir do 2 de agosto até o 15 de setembro de 2016.

Por cada solicitante farase constar:

  • Nome e apelidos do/a solicitante.
  • Número de DNI.
  • Data de nacemento.
  • Provincia e municipio de nacemento.
  • Municipio de residencia no que está incluído no Censo electoral.
  • Rúa e número do seu domicilio.

A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do/a interesado/a, remite a documentación electoral á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, para que, polo procedemento máis urxente posible, a faga chegar aos/ás destinatarios/as.

En concreto, o/a elector/a recibirá a seguinte documentación:

  • As papeletas e sobres electorais.
  • Certificado de inscrición no Censo electoral.
  • Sobre no que figurará o enderezo da mesa onde lle corresponda votar.
  • Folla explicativa.

O/a elector/a procede a exercer o seu dereito a voto unha vez que recibe a documentación. Os votos emitidos son postos a cargo do/a comandante do buque ou xefe/a da unidade, que a custodia até a recollida polo/a encargado/a do seu transporte a territorio nacional.

A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa fará chegar os votos recibidos á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A., antes do 22 de setembro, que os remitirá con carácter urxente á mesa electoral correspondente.

Os servizos de radiotelegrafía dos buques ou das unidades terán a consideración de dependencias delegadas do Servizo de Correos. Os/as comandantes dos buques ou xefes/as das unidades, así como o/a comandante do avión e o/a director/a xeral do persoal do Ministerio de Defensa terán a consideración de funcionarios/as encargados/as da recepción da solicitude.