Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Designación como membros de mesa

As mesas electorais forman parte da Administración Electoral, xunto coas Xuntas Electorais.

Á mesa electoral correspóndelle presidir o acto da votación, controlar o desenvolvemento da votación e realizar o reconto e o escrutinio.

A mesa electoral está integrada por un/unha presidente/a e dous vogais.

O nomeamento dos integrantes da mesa electoral é competencia de cada concello, baixo a supervisión das xuntas electorais de zona e elíxense mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar, polo Pleno Municipal.

Este sorteo realízase entre a totalidade de persoas censadas na Sección que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, aínda que a partir do sesenta e cinco anos de idade poderase manifestar a renuncia no prazo de sete días. Quedarán excluídos os que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de electores e a votación.

O/a presidente/a deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Designaranse dous suplentes por cada membro da mesa electoral (dous por cada un dos vogais, e outros dous suplentes para o/a presidente/a da mesa).

Para as eleccións do 25 de setembro de 2016, os sorteos realízanse entre os días 27 e 31 de agosto.

Aos designados polo Pleno Municipal, notifícaselles a súa condición de membros de mesa durante os tres días seguintes ao sorteo, é dicir, entre o 28 e o 3 de setembro, aínda que se se produce máis tarde, o atraso non será causa invalidante da designación.

Xunto coa notificación seralles proporcionado un Manual de instrucións para os membros das mesas electorais.

A designación como membro de mesa para un proceso electoral, non supón a continuidade da designación para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, se poida ser designado membro de mesa electoral en procesos consecutivos.