Logo Eleccións 2016
Logo da Xunta de Galicia

Inscrición no censo electoral

  • O Censo electoral é unha base de datos que contén a inscrición dos que reúnen os requisitos para votar e non están privados definitiva ou temporalmente, do dereito de sufraxio.

    O Censo electoral é único e permanente, e a súa actualización é mensual.

    O Censo electoral no caso das eleccións ao Parlamento de Galicia está composto por:

    • Censo de electores residentes en España (CER)
    • Censo de electores residentes- ausentes que viven no estranxeiro (CERA)

    A inscrición no Censo electoral é obrigatoria para poder votar.

  • ¿Quen elabora o Censo electoral?
    O censo electoral é elaborado pola Oficina do Censo Electoral, órgano encadrado no Instituto Nacional de Estatística (Ministerio de Economía e Competitividade), que exerce as súas competencias baixo a dirección e supervisión da Xunta Electoral Central.

    Os concellos, as Oficinas Consulares de España no estranxeiro, e as Seccións Consulares das Misións Diplomáticas tramitan de oficio a inscrición dos electores e a Oficina do Censo Electoral é o órgano encargado da formación do censo electoral.

    Para a elaboración do censo, a Oficina:
    • Coordina o proceso de elaboración do Censo electoral e con tal fin pode dirixir instrucións aos concellos e consulados, así como aos responsables do Rexistro Civil e do Rexistro de Penados e Rebeldes.
    • Supervisa o proceso de elaboración do Censo electoral e para ese efecto pode inspeccionar os concellos e consulados.
    • Controla e revisa de oficio as altas e baixas tramitadas polos órganos competentes e elabora un ficheiro nacional de electores.
    • Elimina as inscricións múltiples dun mesmo elector que non fosen detectadas polos concellos e consulados.
  • ¿Que censo se empregara o próximo 25 de setembro?
    O censo que se utiliza en cada proceso electoral é pechado o día primeiro do segundo mes anterior ao da data de convocatoria.

    No caso das eleccións ao Parlamento de Galicia 2016, o censo será o pechado o 1 de xuño de 2016.

    No entanto, a Lei orgánica do réxime electoral xeral contempla un período de rectificación xa convocadas as eleccións.
  • ¿Onde e cando se pode consultar o censo e a mesa electoral?
    Para que os/as electores/as comproben a súa inscrición no Censo electoral, os concellos e consulados exporán ao público as listas electorais vixentes dos seus respectivos concellos durante oito días. Esta exposición do censo terá lugar, neste caso, entre os días 8 e 15 de agosto, ambos inclusive.

    Ademais, a Oficina do Censo Electoral remitirá a todos os electores un cartón censal cos datos actualizados da súa inscrición no Censo electoral e da sección e mesa na que lles corresponde votar e comunicará igualmente aos electores afectados as modificacións de seccións, locais ou mesas electorais.

    Así mesmo, poderase acceder á consulta dos datos de locais e mesas electorais por Internet, a través da páxina web do INE (www.ine.es) sen necesidade de dispor de certificado dixital.

    Para as consultas aos datos de inscrición individuais de cada elector, que incluirán tamén os das mesas e local onde lle corresponde votar, será necesaria a utilización dun certificado dixital e poderase acceder á web do INE (www.ine.es) desde o día da publicación da convocatoria.

     

  • Se durante o período de exposición das listas (do 8 ao 15 de agosto), calquera persoa observa erros nos seus datos censais poderá formular reclamación; aínda que só poderán ser tidos en conta os que se refiran á rectificación de erros nos datos persoais, cambios de domicilio dentro dunha mesma circunscrición, ou a non inclusión do reclamante en ningunha sección do censo da circunscrición a pesar de ter dereito a el, dentro do prazo comprendido entre o 6º e o 13º día despois da convocatoria (no caso destas eleccións entre o 8 e o 15 de agosto).Esta reclamación deberá formulala ante a Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, se ben tamén poderá facelo a través dos concellos ou consulados, que a remitirán inmediatamente á respectiva Delegación Provincial.

    Esta, no prazo de tres días, resolve as reclamacións e ordena as rectificacións, que haberán de ser expostas ao público o 19 de agosto.

    A Oficina do Censo Electoral, unha vez comprobado e rectificado o erro, enviará ao/á elector/a unha certificación censal específica (ben de alta ou ben de corrección de erros). O/a elector/a presentará esta certificación á mesa electoral e con ela poderá votar, aínda que non figure nas listas que estean en poder da mesa electoral.

    Os electores que cambiaron de domicilio ou voten por primeira vez, deben comprobar especialmente se os seus datos están correctos.

     

  • As persoas con dereito ao voto deben estar inscritas nas listas do Censo electoral da sección da demarcación na que residen. Para os efectos electorais, o censo vixente é o pechado o primeiro día do segundo mes anterior á data da convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia (neste caso, o 1 de xuño de 2016).

    Se algunha persoa con dereito a voto non está inscrita na lista do censo da súa sección, pode ser debido a un erro material ou porque está empadroado/a noutra sección. Este último caso dáse con frecuencia cando o/a elector/a reside noutra sección e se trasladou a unha residencia situada nunha sección distinta sen darse de baixa na primeira e de alta na actual. Neste caso, deberá facer canto antes ese trámite de empadroamento, pero se o fai despois do primeiro día do segundo mes anterior á data da convocatoria) non poderá votar na sección na que reside actualmente, e, se quere facelo, deberá emitir o seu voto na mesa que lle correspondese da sección na que estaba inscrito/a anteriormente (sexa persoalmente ou por correo).

    Aínda que é un caso moito menos frecuente, tamén podería votar o/a elector/a non inscrito/a nas listas que puidesen presentar na mesa unha sentenza xudicial que determine o seu dereito a estar inscrito/a no censo da sección.